Na nova ordenación das ensinanzas universitarias derivada da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, ponse especial énfase na realización de prácticas académicas externas (en diante PE) en entidades públicas ou privadas de ámbito nacional ou internacional por parte do estudantado universitario, desde a convicción de que a combinación dunha adecuada formación teórica universitaria co coñecemento aplicado das técnicas e das metodoloxías desenvolvidas no campo profesional, constitúen a base máis sólida para a formación integral do estudantado, ao capacitalo correctamente para a súa futura inserción no mercado laboral.
O plan de estudos do mestrado inclúe a realización por parte do estudantado de 18 créditos ECTS de prácticas externas curriculares que representan 450 h totais, das cales 396 h serán presenciais. As horas restantes serán empregadas polo estudantado para a elaboración da memoria de prácticas.
Para a realización das PE en empresas/entidades externas previamente deberase contar cun Convenio de Cooperación Educativa debidamente asinado entre as universidades participantes e ditas institucións.